Así rapidiño, "a fume de carozo", vou botar unhas "hum@radas" para amenizar o estado de crispación en que nos atopamos, por todo o que está caendo e polas circunstancias que nos toca sufrir, a uns mais que outros. Como pasa sempre, pois a corda rompe sempre pola zona mais débil.
Disque todo é pola crise, que uns poucos provocaron. Pero que eses mesmos non a sofren, si non que todo o contrario, a eles dálles bos beneficios. E se non se entende, baste mirar para as Financeiras, Bancos e o que deron en chamar "Os Mercados", que medran e medran.
Reparten beneficios arreo, teñen prebendas, retiros e blindaxes millonarios, e por enriba contratan aos políticos que os beneficiaron para facelos partícipes dá "esmorgada" e "mamandurria".
Rinse nos nosos fociños, dándolles subvencións públicas para axudar a estas financeiras usureiras. Mentres aos pequenos impositores e obrigados "domiciliados" que achegan as súas miserias, case por imposición, pois ninguén se libra sen ter que "abrir unha conta", soportan o roubo e usura de cotas, gastos, réditos, descontos, e hipotecas que os saquean, sen nin sequera poder acceder a un crédito, con abusiva taxa de interese, cando as circunstancias e situación vital así o requiren.
Soio lles prestan a quen ten xa dabondo, aínda que logo non o paguen, pois a estes perdóanos, porque son dá mesma "manada". E xa sábese: hoxe por tí e mañá por min.
Razón ten o dito que dí que: "se lle debes un millón a un Banco, tes un problema; pero se lle debes mil millóns o problema teno o Banco".
E mentres tanto ¿que fai a "clase política", os gobernantes e demais "fauna" de "xente de malvivir", que segundo as enquisas e o principal problema deste país, despois do paro ?.
Pois nada!, adoralos cal becerro de ouro, porque son os que lles sosteñen os seus privilexios.
Non todos, iso faltaría, pero moitos deixaron de ser "descamisados" que foron, para gozar agora duns privilexios dos que nunca alcanzarían se non se "meteran nesa política lixo". "Se non me aproveito eu, outro se aproveitará", ese é o lema que teñen. ¡De peniña!.
E así ocorren as cousas que saen:
Recortes aos traballadores, retrocesos impensables logrados con esforzo, sangue e moitos anos de loita. Desprezo aos parados, xubilados, menesterosos, dependentes, indixentes, deficientes. ¡Escoira! , para eses políticos irresponsables, prepotentes e dende logo moi mediocres!.
A xente decente non transita por ese camiño!
E logo, tomar medidas de burla e risa, verbi gratia:
Privatización dás Caixas, Lei Sinde, espiar uns a outros, liortas polas listas electorais, pínganllos de traducción cando todos se entenden, soldazos intocables, suntuosos gastos superfluos, dilapidacións de subvencións en Gaiás, aeroporto de Cidade Real, Administracións dobres e paralelas para enchufismo e clientela, organismos arcaicos e innecesarios (Autonomías e Concellos en exceso, Deputacións antiguas , Senado sen función algunha, 17 Valedores do Pobo que non resolven nada, representacións exteriores).
Apartacións millonarias a entes totalmente independentes do Estado como son a Igrexa Católica, Partidos Políticos, Sindicatos e algunhas ONG's turísticas.
Un "paxe de conachadas" como diría calquer paisano, que se non fora porque hai xente que o pasa moi mal, nos mexariamos de risa.
Pero se sigo, non acabo.
A miña intención inicial era "mover a risa", e funme indo por outros derroteiros. ¡Non teño remedio, non puido evitalo !, non me coce o xenio.
A risa vouna deixar para a "Lei do Tabaco". Coas súas prohibicións e inducións a usar a delación para que interveña a "forza pública" con multas e represións. Coma se non tiveran outra cousa que perseguir?. ¡ Manda moito carallo !.
O "Tabaco", merece esta última reflexión.
Eu, como moitos mais, declareime ensumise con esta Lei.
Son consciente do nocivo do tabaco e de que hai que respectar a quen non fuma.
Pero o Estado non vea pola miña saúde cando véndeme directamente o tabaco, iso si cada vez mais caro. ¡ Miúdos Ingresos !.
Para a saúde tamén son malos os alcois, as graxas, o tráfico, os coches, o traballo penoso e en malas condicións de explotación, a contaminación, as festas, ...... ¡Magallón!, para que seguir.....
Coa "Lei do Tabaco", a primeira eh!, a "Lei Trini", foi a que me incitou a fumar algo (antes apenas o facía). E enganchoume algo. Así que sigo ... pussh, ......... de algo hai que morrer. (Sigo co ton de risa e broma).
Pero xa esta nova "Lei Pajín" dáme moito mais morbo. ¡Ponme! . Porque leva a situacións e cousas moi graciosas que observo e gústanme. ¡Que lle vou facer!
A xente ten que fumar fora, ás agachadas, burlando a vixíana, expoñéndose. ¡Toda unha aventura!
Vexo os fumadores que saen as portas dos bares e cafeterías, dificultando as entradas e saídas, tropezando e rozando, ¡que ben!.
Lles poñen cinceiros de pé, baixan as tóldellas se chove ou fai sol, ata nalgúns, eu xo os usei, poñen mesas e cadeiras onde teñen soportais. Xunto con estufas tipo cogomelos e biombos para prender lume sen que moleste o vento. ¡ A imaxinación o Poder !
As consumicións que se deixan na barra cando volves o mellor xa non a atopas. Xa a retiraron ou outros a beberon. Algúns piden permiso para sacalas para fora, e despois aproveitan para irse e esquecerse de pagar.
Os camareiros non dan controlado.
¡ Ate lígase, nesas concentracións tan próximas e de roce, nas portas.
O espectáculo e do mais divertido, sobre todo cando dan os partidos do fútbol, que miran a traveso dás cristaleiras. Pronto os bares poñerán as pantallas na beirarrúa.
Si, porque o fútbol e sacro. ¡España campioa!, faltaría mais!!
O fútbol e outros espectáculos son a deriva coa que os gobernos de quenda adormentan ao persoal, facéndoos evadir de todo o que está a caer.
A xuventude, sen presente nin futuro, non se decata. Parece adormecida, nin se moven.
Exemplo deberían tomar doutras épocas e ata do que xa está acontecer noutros países.
Mirar para ou Sur: Tunisia, Exipto, .. ... ., e o que virá.
Por aquí aguantamos o que esta a caer, aderezado cos trunfos deportivos, e as burlas do fume do tabaco.
Malo será? - ¡Que siga o enterro !!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Comentarios