Lin nun xornal estes días, que na porta dun restaurante brasileiro pon un cartel que discrimina o prezo do menú en función das sobras que deixes no prato: 7,90 se non as deixas, 10 en caso contrario.
E aínda engade unha explicación que di: «Queremos que coma a gusto, que repita cantas veces queira e que salga
satisfeito, pero tamén queremos que non deixe sobras no prato”.
.
E recordei un curioso cartel que tamén vira nun restaurante en Pensilvania (USA), fai preto de vinte anos.
Dicía entre outras recomendacións: Special: Kids pay what they weigh, é dicir "Especial: Os nenos pagan segundo o seu peso".
E efectivamente, os nenos pasaban por unha báscula onde lle daban un tícket para abonar o menú, despois de que comesen canto quixesen.
.
E xa falando para comer ata fartar, tamén teño outro recordo de ir celebrar unha comida de compañeirismo a Viveiró unha pequena aldea do concello lucense de Muras.
Unhas poucas casas arredor dunha chaira central, a igrexa e o cemiterio compoñen o lugar, construído en pedra e lousa nos tellados, como é norma na zona.
Alguén que xa coñecía o lugar levounos a unha casa de aldea onde daban para comer aos famentos con menú caseiro e popular, o que significa, entre outras cousas, que o menú é abundante, moi abundante, abundantísimo...
.
Lembro ben esa miña única visita a ese lugar, en compaña duns compañeiros, haberá preto de quince anos.
Para entrar abríronnos as portas dá propia cociña para cruzar por ela ao comedor.
Sentados nunha longa mesa, para media ducia de comensais, agardamos polo menú, pois chegamos un pouco cedo.
¿Vaian picando algo mentres acabamos de preparar para comer?, indicáronnos, deixando na mesa unha gran fonte de xamón e chourizos dá casa e un queixo enteiro, sen encetar, xunto cunha cesta de pan, viño dá casa e gasosa.
Era cousa xa abundante e aínda habería de sobrar.
Pero despois chegaron á mesa uns lagostinos acabados de cocer, ar
roz con costelas, polbo, un guiso de patacas con carne, cocido suficiente para dar para comer a un rexemento... non sei se por esa orde ou por outra calquera.
E non sei que terían preparado para despois do cocido, porque nese intre rogamos que non puxeran mais para comer na mesa.
Debeu ser unha rendición covarde á que non estaban acostumados na casa, que rapidamente apareceu a vella doa pola porta dá cociña para botarnos un sermón: ¿Para comer so isto non era preciso chegar ata aquí?, dixo.
E foise cunha netiña que estaba cun libriño quizais deprendendo a ler.
Como era polo Antroido aínda nos puxeron filloas e orellas con mel, e café de pota, ademais dun bo augardente.
O escándalo chegou á hora de pagar. Non recordo o que foi, pero moi barato nos pareceu.